I. Previa
Prometera a min mesmo non alimentar nunca o noso consuetudinario guerracivilismo en todo o tocante á lingua galega, e crédeme se digo que en máis de unha ocasión custou manter esa actitude, despois de constatar en non poucas ocasións a prevalencia dos intereses desta ou daquela parte en detrimento dos da suposta causa común. Mais visto que son outros quen invocan esa estratexia de enfrontamento aberto ou quen preteden se aproveitar dela para os seus fins particulares, non está de máis pasar a limpo algunhas cuestións sobre os verdadeiros motivos que se atopan por tras dos recentes acontecementos que están a convulsionar o mundo cultural galego. Vaia por diante que apenas me será posible esclarecer unha parte do ocorrido, non só porque a información de que dispoño é parcial e porque é moita a xente que nestes días se nega a falar; senón porque o todo só o coñeceremos, se ese momento chega algún día, cando unha auditoría imparcial poña á vista a historia recente da xestión da RAG –e non me refiro só ao mandato de Xosé Luís Méndez Ferrín– e cando se pase a limpo a biografía colectiva da xeración que leva cincuenta anos liderando o nacionalismo político e cultural do país, cos froitos de todos coñecidos.
Antes de entrar en materia, deixádeme que vos confese a miña certeza de que nada disto tería maior importancia nun país normal. Mais dado que nós non pasamos dunha caricatura, a onda expansiva do que ocorre na Academia atinxe todo o continuum que nos foi outorgado como territorio de xogos (florais), mentres outros gobernan –sen alternativa e sen sequera alternancia– as cousas de comer.
II. Resumo dun mandato decepcionante
Debe ficar ben claro que ninguén dubidou nunca –e non serei eu quen o faga, nin de lonxe– da honestidade persoal de Ferrín, o que polo contrario moi poucos se atreverían a predicar dalgúns dos integrantes do seu equipo directivo na Real Academia Galega. Ademais, Ferrín nunca tivera a responsabilidade de xestionar cartos públicos, polo que podería ser comprensible que delegase en académicos máis veteranos nese aspecto.
Alén diso, xusto é dicir que Ferrín contraeu dous grandes méritos como Presidente da RAG: o primeiro e máis importante, converter o Día das Letras Galegas nun evento popular e nun elo de conexión privilexiada entre a Academia e a sociedade galega; o outro, dimitir antes de seguir a facerlle dano á Academia coa súa actitude irresponsable –no sentido propio da palabra–. Do mesmo xeito, son incuestionables os merecementos de Ferrín para o acceso ao cargo ao que agora renuncia, non só por ser o autor vivo cunha traxectoria máis brillante e influínte, senón tamén pola súa extraordinaria capacidade intelectual.
Mais ao tempo, non é menos certo que Ferrín conseguiu enfrontarse a case todos, mostrando unha enorme habilidade para meterse en todas as leas que condi moi ben co seu carácter e moi mal co papel institucional que lle foi encomendado. As críticas á recuperación de costumes tradicionais como o Samaín ou o Apalpador, a insensibilidade ás reivindicacións das escritoras galegas ou a politización partidista do cargo dando mitins a prol da AGE foron momentos que suscitaron críticas públicas á figura de Ferrín. Ademais diso, foron varios os membros da RAG que privadamente criticaron o funcionamento decimonónico da institución, carente dos máis elementares padróns de profesionalidade e de democracia, defectos que veñen de vello e que baixo o mandato de Ferrín non só non foron corrixidos, senón que se intensificaron. Vallan dous exemplos: algo tan corriqueiro como someter as contas á aprobación colectiva dos membros da casa é un feito insólito na RAG desde tempo inmemorial, como tamén o é que se convoque o plenario para consultar a adopción de decisións estratéxicas –tomadas en petit comité pola directiva, sen encomendarse a deus nin ao diaño.
Mais iso todo non pasaría a maiores de non ser polos recentes escándalos sobre as contratacións de persoal por parte da Academia, nun exercicio de nepotismo verdadeiramente cutre; e, sobre todo, polas declaracións do propio Ferrín nunha infame entrevista á Radio Galega, negándose vehementemente a dar explicacións sobre o destino dun orzamento que –non o esquezamos– provén integramente do diñeiro público e desprezando novamente as reivindicacións das mulleres escritoras. Foi ese o punto de inflexión que converteu a crecente demanda dunha explicación pública nun tsunami de indignación perante o cal Ferrín, na máis insigne tradición da gauche divine, prefere a retirada antes que a rendición –de contas, no caso que nos ocupa–. Faino, aínda por riba, cometendo a desfeita de renunciar a seguir sendo membro da institución que aínda hoxe preside, nun outro sintoma da dimensión que a soberbia pode atinxir, notadamente cando mimada por unha corte de aduladores.
III. Despedida con salvas (de fogo amigo)
Curiosamente, o presidente estandarte do independentismo, que se despide do cargo cun “Viva Galicia ceibe!”, só non se enfrontou aos poderes fácticos do país, cos cales polo contrario conviviu en perfecta harmonía e facendo gala –con eles, si– da súa faceta máis institucional. Trabou unha excelente relación persoal con Alberto Núñez Feijoo e someteuse gustosamente ás caricias tóxicas que lle ofreceu Santiago Rey, por non falar do cordial trato que mantén co seu paisano José Luis Baltar. Mais agora Ferrín –e o seu corifeo Xosé Luís Axeitos, que baixo a capa de defensor do líder avoga en causa propia– pretende facer tabula rasa disto todo e, a xeito de cortina de fume, impoñer o seu relato e retirarse como un héroe nacional-popular: o home que antepuxo a dignidade da Academia ás presións pactistas ou, en palabras do propio Axeitos, que fixo ius á (nova, seique) divisa “a Academia non está en venda”.
Resulta verdadeiramente indigno –e, porén, previsible– tentar manter a imaxe persoal mesmo ás custas dunha mínima unidade de acción dos defensores da lingua e da cultura galegas. Mais é iso o que están a tentar tanto Ferrín como os seus compañeiros de directiva Xosé Luís Axeitos e Manolo González, máximos interesados en que non se sometan a exame as contas da RAG.
O máis triste desta historia non é o nepotismo, nin a soberbia, nin a irresponsabilidade… non, o máis triste é a declaración dunha guerra civil no galeguismo cultural (e, por extensión, no social e no político). Pretender que creamos na existencia dun complot comandado polo ILG é verdadeiramente risible, cando Ferrín conta na directiva da RAG con dous pesos pesados desa institución, como son Francisco Fernández Rei e Manolo González; e cando, ademais, é coñecida a posición normativa que defenden todos eles, intransixente perante calquera modificación substancial do enxendro creado hai pouco máis de trinta anos.
O relato dos feitos é o seguinte: Henrique Monteagudo tomou a iniciativa de angariar asinaturas para presionar Alberto Núñez Feijoo no sentido de non presentar recurso de casación perante o Tribunal Supremo español polas sentenzas do TSXG a respecto do Decreto do plurilingüismo. Pois ben, Ferrín decidiu interpretar que os máis de mil asinantes dese chamamento na realidade estábamos a participar nun complot contra el, deseñado polo sector piñeirista desexoso de darlle a puntilla e o relevo. De nada adiantou o propio Monteagudo dicir, na presentación pública do chamamento, que facía ben a RAG en preparar un recurso para o caso de que a Xunta abrise esa vía. A trama xa estaba montada: Monteagudo, conspicuo piñeirista, é o perfecto antagonista para un Ferrín combativo que se retira como heroe da causa patriótica. No complot participan todos os que non están incondicionalmente con el: as mulleres, os lusistas, o BNG, o ILG, o CCG, Galaxia e o sursum corda. Todos contra Ferrín, o redentor incomprendido!
Do que se trata é, nin máis nin menos, que de mascarar os verdadeiros motivos da renuncia: tan sinxelo –e tan fondamente patético– como iso. Por que retirarse humildemente, recoñecendo os erros cometidos e propondo solucións para o futuro da institución, cando se pode facer dispara(ta)ndo contra todo e contra todos? Dese xeito, blíndanse os –numerosos– apoios dos admiradores (e dos correlixionarios, ao darlle un feitío político) e provócase a indefinición de moitas persoas de boa vontade que non queren –non queremos– escoller bando porque non desexan –non desexamos– ningún tipo de guerra civil.
O esperpento chega a tal nivel que Ferrín pretende que esquezamos quen o defendeu cando accedeu ao cargo, no medio dunha campaña de descrédito por parte da dereita; que esquezamos o apoio unánime que obtivo –e falamos de onte mesmo, non da noite dos tempos!– o seu apelo pola supervivencia económica da RAG; que esquezamos a súa camaradaxe cos prohomes da dereita do país; e, unha vez esquecido iso todo, se cadra seremos capaces de crer calquera historia. Talento para crealas non lle falta, certamente, mais é dubidoso que obteña un notable éxito de público enfiando polo camiño da ficcionalización dun asunto que require explicacións ben máis realistas e mesmo materialistas.
E xa postos a esquecer, fagamos tabula rasa da política de persoal da RAG baixo o seu mandato e os anteriores. Por que non podería Ferrín contratar a filla, cando outros meteron na Academia a filla da criada ou promoveron o propio fillo de bolseiro a traballador indefinido? Urxen explicacións deses casos, mais tamén do destino xeral dado ao diñeiro público que ano tras ano ingresa a Academia, polo que sería desexable que a primeira medida da nova directiva –sexa cal for– consista en encargar unha auditoría que esclareza eses aspectos e que dimensione as necesidades de financiamento dunha institución que ten pendente o seu redeseño para adaptarse á contemporaneidade.