As idas e vindas de Feijoo e o PP a propósito da reforma electoral
.jpg)
Negociación coa oposición parlamentar: uns días si; outros, non
Feijoo anuncia o domingo día 22 que a reforma sería proposta, non imposta. O xoves 26, o propio Feijoo afirma que a reforma irá adiante con consenso ou sen el. O luns 30, Pedro Puy volta a ofrecer consenso, sempre que non afecte á redución de escanos e mesmo recoñecendo que hai outros xeitos de aforrar máis.
O aforro só é o obxectivo principal en fin de semana
Pedro Puy di o venres día 27 que o importante da reforma non é o aforro de cartos, senón “o simbolismo”. Un día despois, Alfonso Rueda reivindica o aforro, que segundo el será destinado a pagar prazas en gardarías e en centros de día para maiores.
Aceptará o PP discutir outros aspectos da lei electoral? Só nos laborables
Feijoo di o domingo 29 que o importante da reforma é o número de escanos, que o mínimo de 10 escanos por provincia é intocable e que a lei electoral galega non debe ser obxecto dun debate xeral. Un día despois, Pedro Puy ofrece aos demais grupos parlamentares a posibilidade de negociar, xunto coa redución de deputados, outros aspectos da lei.
Conclusións
- O PP tenta tocar todos os paus para vender a súa reforma electoral ante a opinión pública. Á falta dunha estratexia clara, mellor ter varias -cada unha, representada por un dos tres tenores do partido- e ver cal funciona mellor.
- O PSdeG e o BNG farían moi mal en entrar no xogo do PP, que tenta enredalos nun debate confuso e trucado co único obxectivo de que lexitimen o propósito do PP: reducir o número de escanos para consolidar as súas opcións de vitoria electoral.
- A oposición (o PSdeG, o BNG e as forzas extraparlamentarias) só teñen unha opción: alargar o espazo do debate, inserindo propostas que conecten coas demandas cidadás de máis e mellor democracia e que sexan capaces de contrarrestar o ramplón pero eficaz populismo da medida anunciada por Feijoo.
- Se a oposición non se presenta ao debate unida, inclusive con comparecencias conxuntas ante a imprensa, está vencida de antemán. Se cada partido só defende aquelas medidas que lle benefician, tamén. Unidade e apertura ás demandas cidadás de participación, transparencia e control son as armas para vencer esta batalla -mesmo que se perda no Parlamento.